Tuesday 14 de May de 2024

O Goberno municipal incrementa en case 12 millóns o presuposto en Seguridade e Mobilidade no actual mandato


Seguridade Cidadá e Emerxencias destina un 20% máis que en 2011 a mellorar o equipamento de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil

O tenente de alcalde de Seguridade Ciudadana, Julio Flores, e a concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, informaron que en 2015 se destinarán 37,37 millóns para facer fronte aos gastos operativos, de persoal e investimentos en materia de Seguridade Cidadá, Emerxencias, Mobilidade, Tráfico e Transportes. En concreto, Seguridade Cidadá e Emerxencias contará con 21,9 millóns e a área de Mobilidade dispoñerá de 15,47 millóns co fin de impulsar proxectos do primeiro Plan de Mobilidade da historia da cidade e melloras de transporte e circulación.
Unha vez sumada a cantidade dedicada en 2015 a gastos operativos e de investimento, o actual Goberno municipal destinou 66,56 millóns de euros durante este mandato para mellorar a seguridade cidadá e a mobilidade, o que supón 11,7 millóns de euros máis que o anterior bipartito (incremento do 21,3%). “Se botamos a vista atrás e miramos o último ano do bipartito, en 2015 destinamos 4 millóns máis a gastos operativos e de investimento en seguridade e mobilidade, é dicir, un 30% máis que o último presuposto de socialistas e nacionalistas”, indicou Flores.
Ademais, en 2015 destinaranse 20,47 millóns a gastos de persoal das 540 persoas que conforman o equipo da área de Seguridade e Mobilidade: 19,21 millóns en Seguridade Cidadá-Emerxencias e 1,26 millóns de euros para Mobilidade-Transportes.

POLICÍA LOCAL
“En 2015 destínanse máis de 660.000 euros para seguir mellorando o equipamento técnico da Policía local, dos que 338.000 euros se destinarán ao parque móbil, tanto para o renting de vehículos arrendados entre 2011 e 2014, coma para reparación dos vehículos en propiedade, como para a adquisición de catro vehículos patrulla e unha furgoneta. A finais de 2015 a frota en propiedade da Policía Local será de 55 vehículos, o que significa un incremento do 50%, e os vehículos en renting terán pasado a 28 finais, o que implica que se duplica a frota de renting. A nosa prioridade foi ata agora incrementar a frota de vehículos para dar servizo á Policía Local e neste mandato incrementouse en total o 40% dos vehículos policiais”, destacou o tenente de alcalde.
Flores recordou que en 2014 finalizou o despregamento da Policía de Barrio, en función do estudo socio-policial elaborado recollido no primeiro Plan Local de Seguridade da historia da cidade e aprobado pola Xunta Local de Seguridade. Na actualidade, o 61% dos efectivos policiais forman parte da Unidade de Distritos, o que permitiu duplicar nos dous últimos anos a media diaria de policías que traballan nos barrios e despregar a Policía de Barrio para cubrir todos os barrios con patrullas a pé, en moto ou en coches radiopatrullas. “A Policía local pasou de patrullar a pé en 3 ou 4 barrios co anterior Goberno municipal a patrullar entre 15 e 20 barrios na actualidade, o que permitiu multiplicar por catro o número de chamadas atendidas polas patrullas e diminuír nun 15% os incumprimentos das ordenanzas municipais co seu labor preventivo”, engadiu.
Tamén se puxo en marcha do Programa de Policía Comunitaria, canle directa de comunicación cos colectivos cidadáns e profesionais para mellorar a eficacia do traballo da Policía local, establecer campañas especiais de vixilancia e control de tráfico e ordenanzas municipais, así como reforzar a colaboración e a cooperación co resto das Forzas e Corpos de Seguridade, a través da Xunta Local de Seguridade.
Ademais, destinaranse 140.500 euros para renovar a uniformidade da Policía Local, mantemento de aparatos como etilómetros, e para material diverso como cascos de motorista, sinalización, raios portátiles ou defensas extensibles e continuarase co arrendamento das cámaras para o dispositivo da noite de San Juan que estarán operativas, como en 2014, nun Centro de Control Móbil de vídeo-vixilancia.

BOMBEIROS
Respecto ao servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), Flores informou de que en 2015 se destinan 1,4 millóns de euros para gasto operativo e de investimentos, dos que 1,1 millóns se xestionarán para a adquisición de maquinaria e mobiliario a cargo das contribucións especiais. “Este investimento permitirá adquirir un novo servidor de telefonía, equipos de comunicación, equipamento adaptado á normativa UNE, un vehículo de primeira intervención e diversas actuacións de mantemento no parque daGrela,” detallou Flores, quen engadiu que o actual Goberno destinou preto de 4 millóns durante este mandato a reforzar, renovar e mellorar o equipamento do SEIS a través das contribucións especiais, un 51% máis que nos catro anos do bipartito.
Flores recordou que entre 2012 e 2014 se investiron 2,8 millóns para adquirir 7 vehículos novos, material de transporte, de rescate e para mercadorías perigosas, un equipo de excarceración, unha estación de carga e seguridade, equipos de comunicacións, melloras na rede de hidrantes, mobiliario para o posto de control e subministración de material para o SEIS. “Ademais, realizouse un investimento de 1 millón de euros máis en obras de ampliación do edificio da Grela, que incluíron un novo centro de control de emerxencias e a nova Unidade de Prevención e Investigación de incendios, ademais da construción dun novo garaxe para vehículos de bombeiros, xa en funcionamento, e a modificación das vías de saída do Parque de Bombeiros para mellorar os tempos de resposta”, sinalou.
Flores destacou que neste mandato se creou a Unidade de Rescate en Litoral, que prestou servizo na Noite de San Juan 2013 e 2014, púxose en marcha o programa de rescate en acantilados e a formación especializada para facer fronte aos incendios en buques. Reforzouse o traballo de prevención, ao que dedicou un 130% máis de horas respecto ao ano anterior, en actuacións como charlas, reténs, simulacros ou visitas de escolares ao Parque de Bombeiros -en concreto 3.312 alumnos e 304 profesores pertencentes a 137 colexios- “, engadiu.
O concelleiro sinalou que o presuposto de 2015 permite manter a aposta pola modernización das instalacións, pola formación especializada e continua do persoal do SEIS e pola incorporación das novas tecnoloxías e de novo equipamento.

MOBILIDADE
Pola súa parte, a concelleira delegada de Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, explicou que en 2015 a cidade contará con 14,21 millóns de euros para os gastos operativos e investimentos de Mobilidade, dos que destacan os 7,5 millóns de euros na partida destinada a colaborar cos usuarios do bus urbano. Pasamos dos 4,9 millóns do último ano do bipartito aos 7,5 millóns de 2014 e de 2015, un 53% máis, para seguir aplicando un desconto do 36% aos usuarios do bonobús ordinario e, sobre todo, un desconto do 75% aos usuarios do bonobús social, un dos máis económicos entre as cidades do noso tamaño e cuxa tarifa permanece conxelada dende o 1 de xaneiro de 2013”.
Freire recordou que en 2015 non van subir as tarifas do autobús urbano en ningunha das súas modalidades. “Quero recordar que en 2013 logramos que a empresa concesionaria do bus urbano asuma parte da suba tanto da tarifa ordinaria coma da tarifa social e da universitaria, que manteña un millón de transbordos gratuítos e que siga renovando a frota de vehículos, 24 unidades neste mandato. Ademais, a negociación levada a cabo coa Compañía de Tranvías supuxo para os coruñeses un aforro de 16 millóns de euros ata o final da concesión”, afirmou.
Por outro lado, o Concello reforzará a súa aposta polo transporte público investindo en obras de mellora de accesibilidade e modernización da estación de autobuses, na que se realizan máis de 5,2 millóns de desprazamentos ao ano e na que se vai inverter un total de 1,1 millóns entre o Concello e a Xunta de Galicia, dos que 200.000 euros se destinarán a mellorar o espazo interior, 295.649 euros á pavimentación das plataformas e 200.000 euros para mellora da accesibilidade mediante unha rampla de acceso para persoas de mobilidade reducida e equipaxes e mellora dos accesos peonís. Recordar que tamén a Xunta acometerá obras que inclúen a instalación de dous novos ascensores e de dúas novas escaleiras mecánicas, que conectan directamente a planta principal coas dársenas de autobuses.

OUTROS INVESTIMENTOS
O Goberno local tamén continuará cos investimentos relacionados co PMUS, reservando 440.000 euros para actuacións destinadas á mobilidade en bicicleta e moto, aos itinerarios peonís, calmado de tráfico, reordenación de zonas de carga e descarga e estacionamento, camiños escolares, modificacións na rede de autobús urbano, e melloras da seguridade vial.
Respecto á rede semafórica, destinaranse case 1 millón de euros, dos que 731.000 euros serán para o mantemento desta, o que supón un aforro de 350.000 euros cada ano grazas ao novo contrato. Recordar que no mes de agosto, o departamento de Mobilidade empezou o proxecto de renovación e modernización da rede semafórica da cidade, conforme a dous plans de actuación e cun prazo de execución de entre 6 e 7 meses e un investimento total que supera os 1,1 millóns de euros, se ben un dos programas -que supón un investimento de 600.000 euros- se executa con cargo ás melloras introducidas no novo contrato de mantemento, reparación e explotación das instalacións da rede semafórica da cidade, polo que non supón custo ningún para o Concello.
Ademais, en 2015 prográmase un investimento de 230.000 euros para a instalación de novos semáforos, novas cámaras dixitais, extensión fibra óptica ou instalación de avisadores nos semáforos, así como 260.000 euros para a sinalización horizontal e vertical, e 60.000 euros para fomentar a incorporación no sector do taxi de modelos ecolóxicos adaptados a persoas con mobilidade reducida -eurotaxi-, e apoiar a implantación de innovacións tecnolóxicas.
Por último, manteranse os convenios de colaboración con StopAccidentes, Mobi-liza e Club Ciclista Riazor e investiranse máis de 900.000 euros nos proxectos de Smart Movilidad que permitirá un salto tecnolóxico na xestión da mobilidade urbana. “Estes convenios de colaboración e os proxectos Smart permitiron que a nosa cidade sexa un referente na implantación de camiños escolares, potenciar a participación e implicación de toda a sociedade para alcanzar os obxectivos da mobilidade sostible e mellorar a seguridade vial, así como estar á vangarda dos proxectos tecnolóxicos en materia de mobilidade”, concluíu Begoña Freire.